Saturday 20 de April de 2024

O Concello de Lousame convoca a 19ª edición do Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a maiores de sesenta anos


Mañá xoves comeza o servizo Lousame Concilia no CPI Cernadas de Castro, quedando prazas dispoñibles para o alumnado que precise de xeito puntual este servizo

A Concellería de Servizos Sociais do Concello de Lousame convoca por 19 ano consecutivo o Programa “Activa-Mente”, unha actividade gratuíta dirixida a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores de 60 anos a través de actividades dirixidas a manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, o cálculo ou a linguaxe.

Os obradoiros abriron as súas portas esta mesma semana e as clases impartiranse todos os martes nos locais sociais do Sanguiñal (10:00 horas), Aldeagrande (11:30 horas), Vilacoba/Lesende (16:00 horas) e Escabia (17:45 horas); así como os mércores en Cruído (10:00 horas). O Programa “Activa-Mente” está aberto a todos os veciños e veciñas de Lousame maiores de 60 anos. A inscrición é totalmente de balde e pode facerse en calquera momento do ano nos Servizos Sociais de Lousame, chamando ao 981 820 494 ou por WhatsApp no 689 126 385.

As clases, dunha hora de duración, inclúen actividades para manter e mellorar capacidades como a atención, a memoria, as funcións executivas, o cálculo ou a linguaxe. Unhas áreas que se traballan mediante dinámicas e exercicios adaptados tanto ao nivel do grupo como ao de cada persoa participante, e que este ano tamén teñen que seguir os protocolos sanitarios fronte a Covid-19.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que o obxectivo é “mellorar a calidade de vida dos nosos maiores exercitando a súa memoria para así previr ou retardar a aparición do deterioro cognitivo, ao tempo que se promove a xuntanza destas persoas, sempre baixo os protocolos establecidos fonte á Covid-19”. O Programa “Activa-Mente” está organizado polo Concello de Lousame, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Lousame Concilia

Por outra banda, mañá xoves comezará unha nova edición do servizo “Lousame Concilia”, que se desenvolverá todos os días lectivos no CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, en horario de 7:30 a 9:00 horas, e con todas as medidas de prevención fronte á Covid-19. O Concello de Lousame informa de que, rematado o prazo de inscrición, aínda quedan prazas dispoñibles para aquelas familias que precisen deste servizo de xeito puntual ou continuo.

Para acceder a este servizo de xeito puntual só teñen que dirixirse á Concellería de Igualdade, no 981 820 494. “Lousame Concilia” é un programa de conciliación da vida laboral e familiar posto en marcha polo Concello de Lousame e que conta coa colaboración da Consellería de Emprego e a Secretaría Xeral de Igualdade.